A USC conmemora o 529 aniversario da súa orixe coa apertura oficial do curso universitario galego

O reitor Antonio López apelou á defensa da autonomía universitaria e á ampliación do público obxectivo ante o reto demográfico, nun acto celebrado no Colexio de Fonseca
A USC conmemora o 529 aniversario da súa orixe coa apertura oficial do curso universitario galego
De esquerda a dereita, Manuel Reigosa, Antonio López, Alfonso Rueda e Ricardo Cao | Santi Alvite

O 4 de setembro de 1495 outórganse en Compostela dous documentos fundamentais para o xurdimento da Universidade en Galicia. Co obxectivo de rememorar esa data, xermolo do que hoxe é a USC, o Colexio de Fonseca acolleu o acto de apertura do curso universitario no Sistema Universitario de Galicia. No marco desta sesión conmemorativa, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, realizou un percorrido pola situación actual da universidade galega pero tamén dos seus desafíos máis inmediatos. 

 

O acto contou tamén coas intervencións do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e do presidente do Consello do Estudantado da USC, Andrés Couso Viana, e coa presenza dos reitores da UVigo, Manuel Reigosa, e da UDC, Ricardo J. Cao; así como dos presidentes dos seus consellos sociais, Ernesto Pedrosa e Antonio Abril; e da secretaria do Consello Social da USC, Marta Villamayor Álvarez. A lección maxistral correu a cargo do profesor Xosé Ramón Veiga Alonso.


Desafíos

“Asistimos atónitos a decisións políticas, mesmo en países que foron o berce da democracia, nos que se trata de someter esa autonomía das universidades a través de recortes arbitrarios  de recursos e outras medidas absolutamente inadmisibles”, explicou o reitor da USC na súa defensa da autonomía universitaria. “Fronte a eses comportamentos temos que seguir sendo militantes na defensa da universidade como unha institución autónoma”, engadiu Antonio López.  


A situación de “meseta” na que se atopa a evolución demográfica na actualidade foi outro dos aspectos nos que se detivo o reitor. Antonio López lembrou que o SUG contaba no ano 2000 con 95.000 estudantes, mentres que agora as tres universidades “sumamos escasamente 65.000”. Neste contexto resulta “esencial” ampliar o público obxectivo universitario engadindo outras franxas de idade de 25 a 65 anos. 

 

"Alicerce do pensamento crítico"

O presidente do Consello do Estudantado, Andrés Couso Viana, falou da defensa do galego, o problema da vivenda ou a necesaria conciliación das clases coa vida laboral e persoal. Couso Viana reflexionou tamén arredor das crises económica, climática e humanitaria que están a marcar a actualidade para concluír que “a universidade ten, neste contexto, un rol imprescindible como alicerce do pensamento crítico para que a mocidade desgastada e desesperanzada da que formo parte poidamos ter a esperanza dun presente e dun futuro mellores”.

Saf 0061
Andrés Couso, presidente do Consello do Estudantado | Santi Alvite

Lección maxistral

"Muller e esfera pública no século XIX" foi o título da lección maxistral que se impartiu no acto e que este ano correu a cargo de Xosé Ramón Veiga Alonso, profesor de Historia Contemporánea na Facultade de Formación de Profesorado do Campus de Lugo da USC. A lección comezou da man da figura de María Juana de la Vega Martínez, mais coñecida como Juana de Vega, e da súa “preocupación educativa”. O profesor Veiga sitúaa “dentro do selecto grupo de mulleres que puideron e souberon usar da escrita para teren voz nun século difícil e pouco agradecido coas gorxas femininas”. Pero o discurso inaugural non só se cingue ao eido das letras xa que a política é outra das facetas nas que destaca Juana de Vega malia ser este “un espazo vedado para as femias”.

A USC conmemora o 529 aniversario da súa orixe coa apertura oficial do curso universitario galego

Te puede interesar