Os deputados do PP, Gonzalo Tremor, portavoz de Medio ambiente, e Rubén Lorenzo,
portavoz de Industria e enerxía recibiron hoxe, 29 de xaneiro ás 12 horas, no Parlamento de Galicia a
unha delegación de cinco representantes da Plataforma Veciñal Touro-O Pino MINA NON,
respondendo así á solicitude que tiña realizado a citada Plataforma.
Na entrevista, os representantes veciñais expresaron a súa preocupación pola posibilidade de
reapertura da Mina de cobre. Sinalaron a agresión que suporía, por exemplo, vivir a carón (200
metros) dunha balsa de residuos tóxicos de 80 metros de altura, 3 kilómetros de longo e 125
hectáreas de superficie. Ou establecer unha industria contaminante nunha comarca próspera como
a de Arzúa con granxas que suman máis de 35.000 cabezas de gando, e máis de 13.000 en ambos
concellos afectados, que son sustento dun gran número de familias que viven da agricultura; ou co
Camiño Francés de Santiago discorrendo a escasos 2km. dunha mina a ceo aberto, con explosións
constantes, aire contaminado e pó en suspensión. Entenden os veciños que, cun proxecto
practicamente idéntico ao anterior, xa rexeitado polo Goberno Galego, non debería nunca ser
declarado de interese estratéxico e non debería contemplarse sequera a posibilidade de ser aprobado
pola Xunta de Galicia.
Os deputados do PP trataron de xustificar a declaración do proxecto de reapertura da mina como de
interese estratéxico, sinalaron tamén que estaban preocupados polo asunto e, tras algunha dúbida,
aceptaron considerar a posibilidade de visitar a zona da mina, sei ben non comprometeron nin
estableceron data. Tras corenta e cinco minutos, a entrevista rematou. O encontro, que transcorreu
nun clima de cordialidade pero, iso si, sen concreción de acordo ou medida a tomar ningunha
Mañá, 30 de Xaneiro, penúltimo día do período de alegacións, a Plataforma establecerá unha
mesa informativa e de recollida de alegacións na Praza de Abastos de Santiago