A biblioteca Ánxel Casal abre setembro cun programa repleto de actividades para nenos e nenas de entre 3 a 8 anos con entrada libre ata completar aforo. Abren o mes cun contacontos a cargo de Iago López, quen relatará "O cociñeiro Martiño" o sábado 6 de setembro ás 12.00 horas.
O 13 de setembro ás 12.00 horas terá lugar un contacontos a cargo de Juste Kamishibai, quen dará a coñecer "As lendas do conde de Breixo". Esta é unha peza teatral en clave de contacontos cuxo guión está baseado en varias lendas e mitos tradicionais galegos.
Por outra banda, o 20 de setembro á mesma hora, o contacontos Bandullo Azul representará "Farulas e o ladrón de paraugas". Este espectáculo conta a viaxe de Fazulas, o gato persa de dona Adelaida, na súa teima por saber de que cor é o vento. Na busca de dar resposta a ese misterio, emprenderá unha aventura collido á empuñadura dun paraugas.
O 26 de setembro ás 18.30 horas farase unha incursión na lingua inglesa cun contacontos a cargo de Kids&Us con "The king's servant". Debido a celebración do Día Europeo das Linguas, este contacontos irá seguido dun obradoiro en inglés e contará a historia do castelo dun rei moi particular que invita aos máis pequenos a un auténtico baile medieval.
No día seguinte, 27 de setembro, ás 12.00 horas celebrarase o Día Internacional das Linguas de Signos co contacontos "Unhas lentes como as do avó" da man de Gema Santos e Caxoto. Neste caso o espectáculo ten lingua de signos e tamén oral, polo que é tanto para persoas xordas como ouvintes dunha forma integradora.