O vindeiro venres 26 de setembro, Galicia celebrará a súa quinta edición da G-Night, a Noite Galega das Persoas Investigadoras. Ao longo da tarde e da noite, as sete principais cidades galegas –A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo– converteranse en escenarios para a ciencia, con actividades abertas ao público que inclúen obradoiros, experimentos, andainas, charlas, exposicións e feiras científicas.
O Colexio de Fonseca será en Compostela, entre as 18.00 e as 21.00 horas, o escenario de múltiples obradoiros impulsados dende a USC para achegar a ciencia á cidadanía con acceso aberto e de balde ata completar a capacidade do espazo. Así, o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) organiza as actividades "Xogando na cociña con cores", "ADN, cromosomas e divisións celulares" e "Nanociencia de cores: unha práctica para ver o invisible".
Pola súa parte, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) desenvolverá os obradoiros "O que ves é o que hai: detectores visuais de obxectos sobre FPGA", "A IA sabe se tes fibrilación auricular", "Chatty: modelos de linguaxe para falar polos cóbados" e "O que tes é o que realmente ves: detector de eventos cun chip CMOS".
O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) desenvolverá a actividade "Ciencia molecular en acción: do xogo á innovación", mentres que o Centro de Investigación Interdisciplinario en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) será o responsable dos obradoiros "Xogamos limpo: o que se agocha nos campos de fútbol e nos parques", "De medusas fluorescentes a bacterias que comen plásticos" e "Pasado contaminado".
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, dará pulo á actividade "Observa e constrúe os elementos fundamentais da materia", mentres que o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, no que tamén participa a USC, encargarase de desenvolver o obradoiro "Descubriendo a biomedicina: a ciencia que transforma a saúde".
O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), que tamén conta coa participación da USC, impulsa as accións "Apagando lumes con números", "Xogando coas mates" e "Abracadabra matemática". O CITMAga organiza tamén para ese mesmo día unha serie de relatorios que se desenvolverán no Colexio de San Xerome entre as 16.30 e as 18.00 horas. Finalmente, a Área de Infraestruturas de Investigación da USC organiza a actividade "Podo xogar con cristais?".