Electrofauna transforma Bonaval nun epicentro creativo con música, obradoiros e natureza

O festival celébrase o 6 e 7 de setembro con entrada libre e actividades que unen arte, medio ambiente e cultura para todos os públicos
Electrofauna transforma Bonaval nun epicentro creativo con música, obradoiros e natureza
Salvar Doñana tocará o 6 de setembro ás 20.00 horas

O festival “Electrofauna, a vibrante chamada do bosque como latexo creativo" terá lugar en Santiago de Compostela este sábado 6 e domingo 7 de setembro con entrada libre e actividades para todo tipo de públicos. O proxecto terá lugar no parque de Bonaval como localización principal, e contará con programación musical, obradoiros e actividades medioambientais de balde a partir das 11.00 horas, animando a toda a cidadanía a participar da iniciativa a modo de pícnic.
 

A iniciativa pon o foco na necesidade de coñecer, vivenciar e valorizar o noso hábitat  natural máis achegado, aprendendo a sentirnos parte del e a celebralo e cohabitalo de forma respectuosa e harmónica, intervíndoo creativamente. Así, a innovadora proposta aspira a poñer en valor o patrimonio verde da cidade, divulgar o coñecemento sobre a nosa fauna e flora autóctonas, visibilizar a novas creadoras e fomentar a creatividade coa natureza como fonte de inspiración e motivo de homenaxe. 

Juliadelacal samuelortizlois 1 2
Julia de la Cal, tamén coñecida como La Parabólica


O evento conta coa participación de Julia de la Cal o La Parabólica, recoñecida cesteira e deseñadora gañadora en 2024 do Premio Artesanía de Galicia e finalista do Premio Nacional de Artesanía na categoría de emprendemento que, grazas a unha colaboración da iniciativa coa Fundación Pública Artesanía de Galicia, realizará  obradoiros de acubillo de vimbio e máscaras de fibras vexetais dentro do festival.


No apartado musical destaca o concerto da banda Salvar Doñana, formada polo exlíder e a exvocalista de Califato ¾, a formación palentina Castora Herz & La Quadrilla, que mesturan a electrónica cos ritmos tradicionais da meseta, a participación en clave pop da valenciana Manii Dii, a innovadora proposta galega de Aborigen, a actuación de Meiga-i, a fantasía galega ou as sesións picadiscos de DJ Mr. Fishman, DJ Rapante, DJ Daasanach. 


A programación de Electrofauna contempla tamén actividades medioambientais como un roteiro ata o novo parque Berce do Sar, outro para a descuberta da fauna nocturna compostelana, ou unha charla para profundar nas especies autóctonas e os principais retos e riscos medioambientais de Galicia. Ademais a Asociación BStudio Danza animará ao movemento creativo inspirado pola natureza a través de obradoiros para todas as idades e a Asociación Cultural Follateiros/as de Lobios realizará unha demostración de máscaras follateiras.


Programa completo

Sábado 6 de setembro:

  • 11.00 horas- Apertura de electroespazos.
  • 11.00 horas - Roteiro guiado dende Bonaval ata o parque Berce do Sar con volta á igrexa de Sar.
  • 11.00 horas - Demostración de máscaras follateiras a cargo da Asociación Follateiros de Lobios. 
  • 11.30 a 14.00 horas- Obradoiro aberto de acubillos de vimbio con Julia de la Cal.
  • 12.00 horas- Obradoiro aberto de movemento creativo da man da Asociación BStudio Danza.
  • 13.30 horas- Meiga-i, a fantasía galega.
  • 14.30 horas - Electropicnic con DJ Mr. Fishman.
  • 16.00 a 19.00 horas - Obradoiro aberto de acubillos de vimbio a cargo de Julia de La Cal.
  • 18.00 horas - Electrocharla: fauna e flora autóctonas.
  • 20.00 horas - Salvar Doñana en concerto.
  • 21.00 horas - Electronoite con DJ Daasanach Je.

 

Domingo 7 de setembro:

  • 11.00 horas - Apertura de electroespazos.
  • 11.30 a 14.00 horas - Obradoiro con aforo reducido de máscaras de fibras vexetais a cargo de Julia de La Cal.
  • 13.00 horas - Aborigen en concerto.
  • 14.00 horas - Electropicnic con DJ Rapante.
  • 17.00 horas - Mani Dii en concerto.
  • 18.00 horas - Obradoiro libre de movemento creativo da man da Asociación BStudio Danza.
  • 20.00 horas - Roteiro nocturno de descuberta dende o parque de Bonaval.
  • 20.00 horas- Castora Herz & La Quadrilla en concerto.

Electrofauna transforma Bonaval nun epicentro creativo con música, obradoiros e natureza

Te puede interesar