A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a tenenta de alcaldesa, María Rozas, inauguraron este venres o mercado “Artesanamente”, unha cita que busca poñer en valor o peso cultural, social e económico da artesanía en Compostela e en Galicia.
O encontro, que se celebra ata o domingo na sede de Afundación, na rúa do Vilar, reúne medio cento de marcas, con postos de artesanía e alimentación, ademais dunha ampla programación complementaria.
Na súa intervención, Goretti Sanmartín enmarcou o impulso deste mercado dentro da aposta municipal por un novo modelo económico e turístico máis sustentable, que conecte os mundos rural e urbano e contribúa a fortalecer a identidade local. A alcaldesa destacou tamén a perspectiva de xénero: “Moitas das marcas presentes son iniciativas de traballo feminino, e iso é parte da transformación social que debemos impulsar”.
Pola súa banda, María Rozas reivindicou o traballo dos artesáns e artesás como “un exercicio de valentía nun mundo globalizado e homoxéneo”, e subliñou a súa capacidade para marcar o camiño cara a un consumo máis responsable e consciente. A concelleira incidiu, ademais, na importancia de garantir o relevo xeracional en oficios tradicionais que están en perigo de desaparecer.
O mercado “Artesanamente” conta con 25 artesáns e artesás de toda Galicia que ofrecen produtos únicos en disciplinas como xoiaría, forxa, cesteiría ou traballos téxtiles, aos que se suman 23 marcas de artesanía alimentaria, con cervexas, xeados, viños ou embutidos.
A programación complétase con exhibicións ao vivo, faladoiros e un desfile da Asociación do Traxe Galego, convertendo o evento nun escaparate do talento local e nun espazo de encontro entre creación, tradición e consumo responsable.